martes, 29 de novembro de 2016

                                      Contra a Violencia de Xénero.


A pasada semana traballamos co alumnado no colexio a Violencia de Xénero con distintas actividades nas aulas. O venres 25 de novembro vimos un vídeo e fixemos unha reflexión sobre a importancia de acabar coa violencia de todo tipo.








luns, 21 de novembro de 2016

O MAGOSTO.



    Este ano non nos esquecimos do Magosto. O luns 7 de novembro puidemos degustar un froito tan noso como é a castaña. Xuntamos tantas que non podiamos tiralas, polo que fixemos un taller de cociña: tarta de castañas e marróns glacé. Todo coa axuda inestimable do alumnado do CEIP San Xoán. Comimos, xogamos, rímonos...En resumo, disfrutamos da festa.





 Comemos as castañas asadas...



Pero tamén axudamos a pelar... O traballo en grupo é fundamental...
Non se podía tirar nada, estamos preparando a materia prima para os nosos doces de castañas...

mércores, 9 de novembro de 2016

CELEBRANDO O SAMAÍN.

    O pasado día 28 de outubro celebramos no colexio o día de Samaín. Para iso o alumnado troixo as cabazas decoradas da casa ca axuda inestimable das familias, e colocáronse no hall da entrada principal.


    Todo o colexio colaborou na decoración...





     Dende o grupo da  Biblioteca e Dinamización Lingüística propúxose a creación de relatos basados no Samaín dando liberdade para inventar contos de medo, de risa... sendo esta festa o tema principal. Cada clase elexíu o mellor conto e léronse para todo o colexio.



Como recompilación da data,  faremos un libro con todos os contos, que poremos como novidade na nosa biblioteca escolar.

martes, 4 de outubro de 2016

Curso 2016/17

"Programa de Participación Ambiental para o seguimento fenolóxico e do estado da biodiversidade nas Reservas da Biosfera de Galicia".

Terras do Miño, Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.


Estas dúas semanas temos unha exposición das Reservas da Biosfera que comezaron cunha charla para os alumnos de 4º, 5º e 6º. Intentamos por en valor o noso entorno e ser conscientes da grande riqueza ambiental de que disfrutamos.

O noso entorno será un dos eixos a traballar neste curso e calquera actividade será encamiñada nesa acción, en por en valor "o noso".





sábado, 4 de xuño de 2016

RESERVAS DA BIOSFERA

O día 31 de maio, próximo ao Día do Medio Ambiente, tivemos a sorte de escoitar unha charla sobre as Reservas da Biosfera, ás que pertencemos nos Ancares Lucenses.

O CEIDA foi o encargado de desenvolver esta sesión formativa, que foi para todos os alumnos de primaria, desde primeiro a sexto.

Algúns dos contidos que se traballaron foron:Resevas da Biosfera, efecto invernadoiro, cambio climático e as súas consecuencias, como as condicións climáticas extremas ou os problemas de saúde, 




Tamén nos falaron da Maleta Viaxeira, un xeito divertido de colaborar para coñecer, dar a coñecer, coidar e valorar o noso contorno.

Contáronnos a existencia do programa de Datos e Seguimento Fenolóxico, un espazo web no que podemos introducir os resultados da nosa observación, unha vez recistrados na plataforma. David foi o noso voluntario para introducir datos.





xoves, 12 de maio de 2016

CIENCIA APLICADA EN 4º EP

O alumnado de 4º, dirixido pola súa profe María José, celebrou a Semana da Ciencia Aplicada durante este mes de maio.
Os alumnos tiveron que construír un aparello que funcionase aproveitando a enerxía do aire.

Agora comparten connosco os seus traballos e explican como funcionan.






Temos previsto un Obradoiro de Formación entre Iguais, para os alumnos de 6º, no que aprenderán a facer dous dos "inventos" dos seus compañeiros. Este obradoiro celebrarase durante o mes de maio.

xoves, 5 de maio de 2016

UN PROXECTO DE EXCELENCIA


Comprácenos comunicar a toda a Comunidade Educativa do CEIP San Xoán de Becerreá que o noso proxecto Galemocinémate foi cualificado Proxecto de Excelencia pola Consellería, a través do servizo de Política Lingüística.


O noso equipo de Dinamización da Lingua Galega redactou o proxecto para desenvolver unha liña de traballo en relación á educación emocional e ao cinema como medio de expresión e contaxio da mesma utilizando como lingua vehicular o galego.

A convocatoria, de decembro, publicou os 5 proxectos galegos que recibiron este galardón, entre os que nos encontramos. Coa nova, chegou, tamén a confirmación da subvención económica que este proxecto ten para o centro e que se traducirá nunha mellor equipación para o desenvolvemento do mesmo.

Estamos recibindo os parabéns. E querémolos compartir con todos os que facedes posible o noso compromiso cunha Educación Innovadora para os nosos nenos.

domingo, 17 de abril de 2016

Viaxe a Lugo




Os nenos de primeiro e segundo de primaria viaxaron a Lugo para coñecer a Biblioteca Nodal e para asistir a unha exposición fotográfica, Fillos do Océano, en Afundación.






A visita á biblioteca contou con moitas sorpresas, desde comprobar cómo prestar e devolver libros cunha máquina intelixente a visitar as salas privadas que gardan obras moi especiais da Biblioteca. Vimos libros antigos e marabillosos.


Asistimos a un contacontos e disfrutamos da sala de lectura durante un bo tempo! Que sorte!













En Afundación vimos unha fermosa exposición de fotografía que tiña como protagonistas persoas que viven ao pé do mar. Unha explosión de cores e sorpresas, ben levada pola monitora, que fixo un percorrido cheo de actividades divertidas. Ao final, tivemos un obradoiro creativo.


Foi un día superdivertido. 



















Aquí vos deixamos o enlace a todas as fotos e este é o vídeo cos mellores momentos do día.









mércores, 9 de marzo de 2016

Día da muller traballadora





O día 8 de marzo celebramos o Día da Muller Traballadora. 



Para iso, desde BiblioLío, fixemos unha selección de lecturas alusivas á muller nos nosos contornos e está acompañándonos na entrada do colexio, ao alcance de todas as mans.


Tamén, na liña de Un Kamishibai ao Mes, os alumnos de 5º levarán a cabo unha sesión de formación entre iguais, interpretando Monstro Rosa para os nenos de 1º e 2º, na reflexión sobre este tema.



Aquí tedes algunha recomendación de lecturas para un día como este.



domingo, 7 de febreiro de 2016

Love is in the air





Con febreiro o EntreLetras inicia unha nova campaña: 


Love is in the air.


Se queres coñecer todo o que se está a facer, visita este enlace no blogue do EntreLetras.

sábado, 30 de xaneiro de 2016

DESENVOLVEMENTO DA SEMANA DA PAZ


Desde o EntreLetras, coa colaboración do EDLG, desenvolvimos o Mes da Paz, cheo de actividades que nos levaron a afondar no sentido e significado de vivir en harmonía cos outros.


Podes ver todo o que fixemos neste enlace.


martes, 26 de xaneiro de 2016

ANUNCIO: Curso de TIC para as familias

Comprácenos comunicar que no próximo mes celebraremos o 

PRIMEIRO OBRADOIRO TIC PARA AS FAMILIAS

Trátase dunha sesión de formación a cargo dos alumnos de 6º sobre ferramentas de Google, a plataforma que máis utilizamos para colaborar e compartir o traballo neste centro.

O obradoiro impartirase o próximo día 15 de febreiro ás 15:15 na aula TIC do centro. Estades convidados a vos apuntar todos os pais interesados, sexan do curso que sexan. A inscrición farase a través da ANPA (anpaceipbecerrea@hotmail.com) que xestionará unha listaxe de interesados.

Para este primeiro curso estarán convocados 15 asistentes que deberán ter creada unha conta de correo de gmail, como único requisito previo.

Esperamos contar coa vosa participación, como é costume por parte vosa e motivo de agradecemento pola nosa. 

Esta tarefa complexa para o noso alumnado forma parte do prioritario obxectivo deste colexio: a formación integral do alumnado na resolución de situacións problemáticas.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

Educación Responsable: Formación para o profesorado

O pasado luns 18 de xaneiro, o profesorado do programa Educación Responsable  recibiu a primeira sesión de formación sobre Educación Emocional e desenvolvemento social que se van recibir ao longo deste trimestre.

A sesión a cargo de Teresa Molezún, foi moi satisfactoria e motivadora e versou sobre contidos en referencia ao desenvolvemento social dos nenos, pero tamén o dos adultos que con eles convivimos. Houbo tamén un espazo de reflexión compartida sobre o desenvolvemento social das nosas relacións como mestres e a medida en que iso afecta ao día a día da escola.

Como mostra queremos deixarvos este vídeo, unha clara reflexión sobre o que os nenos ven e copian das nosas actitudes diarias:


martes, 12 de xaneiro de 2016

EDUCACIÓN RESPONSABLE: LEE en Educación Infantil.

Chega o segundo trimestre e con el a participación do alumnado de educación infantil no recurso LEE de Educación Responsable. Igual ca o pasado ano, os nenos terán un tratamento emocional para achegarse á lectura.

Dentro dese traballo, é destacable o papel da familia, que actúa como primeira mediadora entre o neno e os libros. 

Se queredes coñecer a proposta para as familias que a Fundación Botín publicou, podedes descargar o  


Para coñecer o desenvolvemento deste recurso, podedes acceder directamente desde este enlace, no que iremos publicando os resultados das nosas tarefas.

domingo, 10 de xaneiro de 2016

XANEIRO É O MES DA PAZ

O día 30 de xaneiro celébrase o Día da Paz. Para nós, educar en valores é un obxectivo que abrangue toda a vida, polo que un día só é un xeito de visualizar os traballos que procuramos facer sempre.

Para este ano, pensamos en xaneiro como o mes para celebrar o "Correo da Paz". Moitas son as novas que enchen xornais e diarios nos que encontrarnos coa necesidade de pensar en recibir e enviar desexos de paz.

Nese sentido, estudaremos a carta como tipo textual, pois será o noso xeito de desexar paz alén das portas da nosa escola. E moitas serán as tarefas que organicemos arredor das cartas e do Correo Postal.

Para dar un carácter social á nosa idea de traballo, pensamos en convidar a participar nela a todos os centros cos que compartimos algún proxecto de innovación educativa. Por iso, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, partiu un convite para todos eles, explicando as características didácticas desta iniciativa, que abrangue:

Estudo da carta como tipo de texto
Coñecemento do Correo Postal
Estudo xeográfico do desprazamento das cartas
Exposición e actividades de animación á lectura relativas a este tema
Actividades plásticas e de expresión emocional


Poderedes seguir neste blogue o desenvolvemento desta actividade.

xoves, 7 de xaneiro de 2016

UN PRIMEIRO TRIMESTRE DE CINE!

Jorge Álvarez, reportero oficial de 6º de primaria, creou este vídeo para resumir o primeiro trimestre. Védeo, é impresionante:

Parabéns polo traballo, Jorge!