domingo, 10 de xaneiro de 2016

XANEIRO É O MES DA PAZ

O día 30 de xaneiro celébrase o Día da Paz. Para nós, educar en valores é un obxectivo que abrangue toda a vida, polo que un día só é un xeito de visualizar os traballos que procuramos facer sempre.

Para este ano, pensamos en xaneiro como o mes para celebrar o "Correo da Paz". Moitas son as novas que enchen xornais e diarios nos que encontrarnos coa necesidade de pensar en recibir e enviar desexos de paz.

Nese sentido, estudaremos a carta como tipo textual, pois será o noso xeito de desexar paz alén das portas da nosa escola. E moitas serán as tarefas que organicemos arredor das cartas e do Correo Postal.

Para dar un carácter social á nosa idea de traballo, pensamos en convidar a participar nela a todos os centros cos que compartimos algún proxecto de innovación educativa. Por iso, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, partiu un convite para todos eles, explicando as características didácticas desta iniciativa, que abrangue:

Estudo da carta como tipo de texto
Coñecemento do Correo Postal
Estudo xeográfico do desprazamento das cartas
Exposición e actividades de animación á lectura relativas a este tema
Actividades plásticas e de expresión emocional


Poderedes seguir neste blogue o desenvolvemento desta actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario